As ANPAS da provincia da Coruña saímos á rúa pola escola pública

As familias da escola pública da provincia da Coruña temos unha cita moi importante o sábado 28 de febreiro. A Federación de ANPAS convoca unha manifestación para denunciar o abandono que está a sufrir a escola pública e para reclamar o que as nosas nenas e nenos merecen: un ensino público de calidade, con recursos suficientes e unha planificación real.

Por que nos mobilizamos?

Porque o que antes parecían problemas illados agora repítense en moitos centros e xa falamos dun problema estrutural. As comunidades educativas levan tempo detectando situacións como:

  • Falta de profesorado e doutros profesionais de apoio
  • Atención insuficiente á diversidade
  • Infraestruturas que precisan melloras
  • Recursos que non chegan ou chegan tarde

E todo isto repercute directamente no día a día do alumnado. Non estamos a falar de caprichos, senón de algo básico: o dereito das nosas fillas e fillos a unha educación pública inclusiva, segura e en igualdade de oportunidades.

Unha mobilización que representa a milleiros de familias

A convocatoria conta xa co apoio de arredor de 200 ANPAS da provincia, aproximadamente a metade das existentes. Isto supón a representación de comunidades educativas de uns 200 centros públicos (CEIP, IES, EEI, CRA, CPI e CEE) e de entre 62.000 e 65.000 alumnas e alumnos.

A Federación segue a contactar con máis asociacións e colectivos para sumar apoios e facer que esta mobilización represente ao maior número posible de familias da escola pública.

📍 Datos da manifestación

🗓 Data: Sábado, 28 de febreiro
🕚 Hora: 11:00 h
📌 Inicio: Praza de Ourense
🏁 Remate: O Parrote
🚶 Percorrido: Praza de Ourense – O Parrote

Isto vai do presente… e do futuro

Esta mobilización é unha maneira de dicir alto e claro que nos importa o presente e o futuro das nosas crianzas. A escola pública é un piar fundamental da nosa sociedade e precisa compromiso real, investimento e planificación a longo prazo.

Desde as ANPAS animamos a todas as familias a participar, difundir e acompañarnos ese día. Cantas máis sexamos, máis forte se escoitará a nosa voz.

Vémonos na rúa!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *